Noticias

Galería

Enlaces

Historia

Foto de noticiaHISTORIA:

A Quenlla naceu en 1984. A idea de creación do grupo xurdiu deste xeito: “Máis ou menos estabamos directa ou indirectamente implicados na música moitos de nós, por procedencia doutros grupos, outros porque colaboraran con nós e cantaran individualmente e colectivamente e algunhas, sobre todo as rapazas, foron incorporacións novas. Esto da música é un veneno que se se poidera deixar así, polas boas…pero nós, que procediamos doutro grupo, mantiñamos a idea de levar a cabo o que sentiamos. Empezamos sendo tres, logo fomos catro, con tódolos cambios que esto conleva porque daqueles catro quedamos dous, logo incorporouse a totalidade da xente con soamente unha baixa e unha nova entrada.”
Os obxectivos fundamentais con que naceu A Quenlla eran, entre outros, continuar no mundo da música e da palabra, logo da primeira experiencia con “Fuxan os Ventos”. Deste xeito, quixeron crear unha nova agrupación para dinamizar -coma suma de vontades e un xeito específico de facer- a Cultura Galega e, de xeito especial, a canción.

O 9 de xullo de 1990, co gallo dunha actuación no centro cultural Caixavigo, Mini comenta nunha entrevista en Faro de Vigo que logo de levar dous anos sabáticos con “Fuxan Os Ventos” aínda lles quedaba veneno que os empurraba cara a música. Tamén crían que era tempo de facer un replantexamento político do seu traballo porque a situación política tamén mudara. Xa con anterioridade, en abril de 1986, comentaban sentirse insatisfeitos porque Fuxan viña declinando no que a resposta social se refire, polo que a principal diferencia entre A Quenlla e Fuxan está na resposta social do grupo, e o estilo aseméllase ó dos primeiros tempos de Fuxan. Na mesma entrevista falan dos seus plantexamentos: “Facer máis comercial o noso traballo levaríanos a renunciar ós nosos propios conceptos sociais e ás nosas principias reivindicacións, e iso é algo que non estamos dispostos a facer”.
Foto de noticiaDesde os seus inicios, A Quenlla puxo unha especial atención na Cultura Tradicional, asumindo como base a memoria colectiva e, como fundamento histórico, recuperala do abandono e do esquecemento, transmitindo unha versión de moitos feitos que poucas veces se contaron. Asumiron así a obriga de non permanecer impasibles nin mudos diante dos feitos e dos acontecementos que suceden ou poidan suceder na nosa Patria, actuando como relatores e cantores dos mesmos. É por iso que moitas veces A Quenlla colle textos de poetas e de escritores para, imprimíndolles musicalidade, devolvelos en forma de canción e de mensaxe que conxugue Palabra e Sentimento Musical do propio creador.
Adoptar unha postura crítica e un compromiso diante dos acontecementos é o que move a A Quenlla, que non canta por cantar, senón que o fai para expresa-lo seu propio punto de vista.

O seu primeiro traballo, “Os tempos inda non, non son chegados” é un monográfico de pezas onde se abordan os principais problemas que ten Galicia, a través de poemas musicados de Manuel María, Celso Emilio Ferreiro e Darío Xoán Cabana.

Desde entón, as súas cancións veñen sendo unha mestura de música tradicional recollida directamente por eles mesmos con outra música baseada en textos de autores -homes e mulleres da Palabra- que resisten inflexibles na procura da recuperación da memoria histórica, dos dereitos culturais e da dignidade como Pobo.

A Quenlla actúa fundamentalmente na xeografía galega, pero tamén onde outros galegos con interés polas voces, pola palabra e pola canción independiente, os reclaman. Así tén actuado, entre outros sitios, no Conservatorio de Córdoba convidados pola Casa de Galicia e o Concello da localidade andaluza, en Toledo, Barcelona, Londres…

Desde os comezos, as “alma mater” do grupo son: Xosé Luis Rivas Cruz, “Mini”, e Baldomero Iglesias Dobarrio, “Mero”, pero con eles colaboraron Boro, M.Rico, Gonzalo, Maricarme Marzoa, Montse Chao, Jorgen Fischer, Sito Carracedo, Félix Otero, Pablo Camarero, Antonio “Presedo”, Santiago, J.Manuel Freire, Luís, Chus Castro, Mariluz Vázquez, Antón Crego, Alberto Pardo, Xesús Sánchez, César Martínez, Isabel Abril e Alfonso F. Vázquez, Ludi Lamela, Yosi, Manuel Varela.
Foto de noticia Hoxe integran A Quenlla: Chusa, Tareixa, Mariña, César, Iria, Mijail, Manuel Varela, Raúl Galego (interpretacións de gaita), Mini e Mero.